EnMovemento

Co obxectivo de previr a fraxilidade nas persoas maiores, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ofrece a aplicación de realidade virtual “EnMovemento”. Esta nova ferramenta, que ten 3 niveis de dificultade para adaptarse ao nivel de autonomía das persoas, permite realizar exercicios multicompoñente guiados incluso para persoas en cadeira de rodas.

EnMovemento está dispoñible en castelán e galego e ten a posibilidade de activar os subtítulos en caso de discapacidade auditiva.

Para levar a cabo o adestramento, as persoas usuarias terán como guía a Carmen, a formadora virtual, a quen terán que imitar para realizar os exercicios. Cada exercicio é diferente e para superalos terás que interactuar con diferentes elementos tocando ou evitando diferentes obstáculos.

A aplicación conta coas seguintes funcionalidades:

  • Tres niveis de dificultade dependendo da capacidade funcional: sen limitación, con limitación leve ou con limitación.
  • Experiencia completa con voz e subtitulado.
  • Diferentes duracións de adestramento, a escoller entre 5, 15 e 25 minutos.
  • Exercicios de quecemento e arrefriamento.
  • Exercicios dirixidos a traballar diferentes partes do corpo.

O obxectivo da aplicación é conseguir a transmisión, práctica e formación dos exercicios para poder realizalos posteriormente.

Se desexa solicitar o uso da aplicación, pode facelo dirixíndose á Consellería no enderezo electrónico sanidade.mediaverso@sergas.es

Scroll ao inicio