ActivAR-t
A aplicación móbil “ActivAR-t” , dispoñible nas stores de Apple e Google Store, é un xogo ofrecido pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que ten como obxectivo o fomento e a educación na actividade física. Trátase dunha experiencia interactiva en realidade aumentada na que un pequeno robot rétanos a movernos para superar diferentes tipos de probas e subir de nivel.
Dispoñible tanto en galego como en castelán, o xogo conta coas seguintes características:
- Barra de enerxía. O xogo conta cunha barra no menú principal na que se amosa o nivel de batería do robot. Co obxectivo de que a persoa faga exercicio coa app, a medida que se van superando niveis, a barra vaise enchendo, e despois de varios días consecutivos sen utilizar a app, a barra aparecerá baixa, indicando que o robot está sen enerxía e que hai que reenchela.
- Selección de dificultade. Permite escoller entre diferentes opcións que afectan á intensidade do exercicio.
- Doado
- Medio
- Difícil
- Selección de nivel. Unha vez escollida a dificultade, pódese navegar entre os diferentes niveis de cada unha. De máis doado a máis difícil ata superar todos os niveis da dificultade seleccionada.
- Pantalla do xogo. Mediante a cámara superpóñense elementos virtuais na contorna. As persoas usuarias terán que coller ou esquivar mediante o movemento do móbil e de todo o seu corpo diferentes elementos que proxecta un robot animado.
Nesta pantalla hai tres fases:
- Colocación do robot. Pídese á persoa usuaria que escanee o chan para colocar o robot virtual na pantalla con respecto ao mundo real.
- Titorial. Un exemplo sinxelo da mecánica do xogo para aprender a atrapar bólas e esquivar barras.
- Xogo. Despois de aprender cómo se interactúa, comeza a conta atrás e o xogo en si.
- Pantalla de resultados. Ao terminar cada nivel móstrase a puntuación conseguida.